Publicación destacada

BENVIDA AO BLOG

luns, 6 de marzo de 2017

Grazas!

A través deste vídeo, queremos facer unha «homenaxe» aos docentes desta materia, cos que aprendemos que clase de profesoras queremos ser. Gustaríame agradecer tamén ao Mestrado por me dar a oportunidade de coñecer a este grupo de persoas coas que compartín esta viaxe pola ensinanza. Vémonos pronto, compañeiras!






Expresión escrita

Unha parte importante da materia consiste en que o noso alumnado sexa quen de producir texto escrito cun nivel de corrección e riqueza acorde ao seu nivel de aprendizaxe.
Normalmente, os exercicios de expresión escrita non son realizados nas horas de clase (especialmente se son moi extensos). As clases adoitan aproveitarse para explicar estruturas, organización do texto, proporcionar fontes lexicais, etc.
Ás veces, nos centros, lévase a cabo a actividade de correspondencia entre centros. Na miña etapa no colexio, intercambiábamos cartas cun centro irlandés. Penso que é unha experiencia moi útil, xa que o alumnado sente que o que escribe ten unha finalidade, un/unha lector/a que quere ler a súa carta.
Tradicionalmente, esta competencia foi tratada a través de encomendas nas que o alumnado debía, seguindo as instrucións do profesor, realizar determinadas composicións: essays, letters, descriptions... Esta forma de practicar a expresión escrita acaba resultando monótona. Outra forma de traballala é a través dunha fotografía, que o alumnado debe describir, inventar unha historia. Relacionado con isto, con hai moito tempo, para a materia de Innovación docente, a unha compañeira e a min ocorréusenos unha maneira de fomentar a expresión escrita de forma atractiva para o alumando. O tema no que nos debiamos basear era «encher a escola de música e arte». Pensamos da idea que o centro poida publicar un cómic escrito polo alumnado do centro.

Aquí abaixo, deixamos o enlace da explicación completa de como se desenvolvería este proxecto. Agardo que vos guste:


Grupos PMAR

Os grupos PMAR (Programas de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento) son agrupacións de estudantes que presentan dificultades de aprendizaxe (non derivadas da falta de estudio) e aos que lles custa seguir o ritmo dos seus compañeiros. Antigamente, estes grupos eran coñecidos como Programas de Diversificación Curricular.

Son grupos reducidos (entre 10 e 15 alumnos/as), o que facilita que a docencia sexa máis personalizada. Adoitan ser persoas con dificultades para aprender, pouco hábito de estudo e cun baixo nivel de motivación. Por todo isto, a docencia debe centrarse, ademais de en que adquiran os contidos, en recuperar a motivación e en asentar uns bos hábitos de estudo. O alumnado do grupo PMAR non acada o nivel do resto da clase, polo que as actividades empregadas deben ser máis sinxelas. Ademais, adoitan estar afeitos a non colleitar bos resultados académicos, o que se reflicte nun defecto de confianza neles mesmos. Por tanto, tamén debemos traballar nese ámbito.

En resumo, traballar con grupos PMAR esixe por parte do profesorado unha atención especial ao alumnado, tendo en conta as dificultades de cada un dos membros que forman o grupo. Por tanto, leva consigo un maior traballo para o docente, mais tamén é gratificante cando o alumnado acada resultados positivos.

Que clase de profesora quero ser?

                         Tal e como nos indicou Carlos, todas nós formalizamos unha serie de compromisos                              que nos comprometemos a cumprir.

                         Eu, como futura docente, comprométome a:

                         1. Ser xusta na avaliación.
                         2. Difundir valores como a tolerancia e o respecto.
                         3. Aprender e mellorar constantemente.




domingo, 5 de marzo de 2017

Reflexión final: debate


Na última clase con Ana e Luz, reflexionamos sobre algúns temas que teñen traído consigo polémica nos últimos anos.

Deberes si ou deberes non?
Algunhas das miñas compañeiras opinaban que estaba a favor de suprimir por completo os deberes, xa que, segundo elas, todo o contido da materia debe ser asimilado nas horas de clase. Dende o meu punto de vista, estas horas de clase non son suficientes para adquirir as competencias suficientes nun idioma. Especialmente nos primeiros anos de docencia dun idioma estranxeiro, o alumnado debe asentar solidamente as bases gramaticais do inglés e, así, ser quen de se comunicar. As clases, cunha duración de 50 minutos, non son suficientes.

Agora ben, dito todo isto, debemos ser responsables e encomendar unha cantidade de deberes razoable. Debemos entender que o noso alumnado ten máis materias que a nosa e que é preferible mandar un exercicio a mandar cinco e que non os fagan. Por tanto, debemos saber medir ese equilibrio.

TIC na clase: axudan ou distraen?
Debo dicir que, tanto no momento do debate como agora, teño sentimentos enfrontados sobre este tema. Penso que as TIC poden ser moi positivas, mais se o seu uso é o adecuado. Creo que, nun primeiro momento, debemos explicar ao noso alumnado a importancia dun uso responsable nas redes sociais e coas TIC. No meu caso, creo que faría unha advertencia. Empregaría as TIC, mais se alguén non asume o compromiso de facer un bo uso delas, as TIC non se usarán máis.

Seguramente, cando empece o meu labor como docente e co paso dos anos, formarei unha opinión máis sólida. Ata o momento, non a podo ter.

venres, 3 de marzo de 2017

A importancia das linguas: a dobraxe

Para que o alumnado afronte a materia cun alto nivel de motivación, debe entender que as linguas estranxeiras non son só unha materia que deben superar, senón que cumpren unha función moi importante na sociedade, e que, malia que non se decaten, estamos «rodeados de lingua».

Un exemplo claro disto é o cine. Unha alta porcentaxe das películas que están nas carteleiras son películas dobradas. Un produto final desa, na maioría dos casos, excelente calidade sería imposible sen a labor das/os tradutoras/es, unha profesión non sempre valorada pola sociedade e da que só se fala cando cometen un erro. É importante que o noso alumnado sexa consciente da importancia que teñen as/os profesionais das linguas na nosa vida.

No enlace que vos achego, atoparedes a curtametraxe «Para Sonia». Sonia é una rapaza invidente que dobra películas para outras persoas invidentes. A través das voces dos/as dobradores/as, ela é transportada ás películas que eles/as representan. Este vídeo permítenos unha viaxe polas frases máis celebres dobradas ao castelán:







Titorías

É probable que, nalgún momento da nosa carreira profesional, ademais de sermos profesoras/es de inglés, tamén debamos desempeñar a función de titoras/es. As horas de titoría son empregadas para solucionar posibles problemas que poidan xurdir froito da convivencia entre o alumnado e o profesorado ou entre membros do alumnado, así como para responder a calquera petición, dúbida ou problema que poida existir dentro da aula. Tamén adoitan ser aproveitadas para tratar algún tema de interese social, para conseguir formar ao alumando como persoas críticas.

Porén, tamén pode ser un espazo que aproveitemos para mellorar ou asentar conceptos de lingua. Ás veces, este perfeccionamento obtense simplemente empregando o idioma estranxeiro como lingua vehicular na aula. Así, poderiamos combater un dos problemas que máis frean o noso avance nos idiomas: a vergoña ou o medo a equivocarnos. Non se trataría, por tanto, de corrixir erros gramaticais, senón de COMUNICACIÓN. Se o alumnado gaña seguridade en si mesmo, o seu avance será moito máis efectivo. Por iso, á hora de trata temas relacionados coa sociedade que nos rodea (bullying, uso das redes sociais, etc.), podemos empregar o inglés para comunicarnos.

En ocasións, en temas máis serios, como solucionar algún problema na aula, o alumnado pode sentir que non é quen de se expresar correctamente, polo que debemos empregar o galego/castelán para solventalo. Isto é, a lingua nunca pode ser un impedimento para que se desenvolva a titoría adecuadamente. Dende o meu punto de vista, este emprego do inglés nas titorías débese realizar a partir do segundo ciclo da ESO.

Resumindo, a lingua é un medio de comunicación e, como tal, pode ser empregado para comunicarnos. O alumnado debe sentir que é capaz de desenvolverse nesa lingua e gañar a confianza suficiente para seguir afrontando a aprendizaxe. Se nota os seus avances, quererá avanzar máis.